HEMEROTECA  VIRTUAL  DE  BETANZOS
 Presentación

Alfredo Erias Martínez e José Mª Veiga Ferreira

 

Desde que no 1981 se iniciou a organización do Arquivo Municipal de Betanzos e se potenciou a Biblioteca, dando estabilidade, a nivel de persoal, ás dúas institucións, a xente empezou a donar libros, documentos e publicacións periódicas. Destas últimas o aporte máis importante constituiuno o legado de
D. Francisco Vales Villamarín a través dos seus fillos, D. Francisco e D. José Domingo, porque así podemos ter a meirande parte dos periódicos que se publicaron en Betanzos desde 1883 (EL CENSOR) ata os anos 50 (EL ECO DE LAS MARIÑAS, de 1956, ALBOR, de 1953-56). A parte máis antiga parece ser que lla donara a D. Francisco o médico, escritor e benefactor de Betanzos, D. Juan Gómez Navaza. Con esto Betanzos é das poboacións de Galicia que mellor conserva a súa prensa, cousa que, sen dúbida, axudou ó seu renacemento cultural desde finais do s. XX.
Logo, aínda quedou unha prensa menor, editada con poucos medios por grupos xuvenís, alumnos e profesores de centros educativos ou mesmo partidos políticos, que tamén recollemos.
Polo medio, entraron novas publicacións periódicas ou fóronse completando coleccións existentes a través de persoas que se poden considerar amigas permanentes das nosas institucións públicas e que, cada pouco tempo, nos traen algo novo e sorprendente. Son, entre outras: D. Santiago de la Fuente García sj, Familia Couceiro, Brais da Bouza, D. Carlos Fernández Fernández, D. Ricardo López Saavedra,
D. Xesús Torres Regueiro, D. Xulio Cuns Lousa, D. Carlos Álvarez López, D. Marcelino Álvarez López, D. Francisco Díaz Pereira, D. Andrés Beade Dopico, Dª Natalia Stucley, D. Vicente García Blanco, D. Xoán Manoel Andrade Vidal, D. Luis Veiga Cadaveira, Dª Catalina Otero, D. Daniel Pereiro Cachaza, "Coté" Abarrategui, herdeiros de D. Fernando Fiaño Miravalles, D. Antonio Noguerol, D. Manuel Villuendas, os centros educativos de Betanzos, as asociacións...
A todos, a cidade debe moito, porque sen eles a penas quedarían pegadas de etapas fundamentais da nosa historia contemporánea. GRAZAS! E, naturalmente, este traballo tamén é unha homenaxe ós escritores e ilustradores que deron vida a estas publicacións.

 

Presentamos agora o catálogo das publicacións periódicas de Betanzos existentes, que fumos actualizando pouco a pouco a partir da edición que fixo o Concello con motivo da VI MOSTRA DOCUMENTAL DE BETANZOS en abril de 1999.
A nosa ilusión orixinal, sempre apoiados polo Concello, era que este catálogo fose a porta de entrada á HEMEROTECA VIRTUAL DE BETANZOS, pero tiveron que pasar 10 anos ata que isto se fixo realidade. Foi posible mediante o "CONVENIO DE COLABORACIÓN entre a CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO da XUNTA DE GALICIA e o CONCELLO DE BETANZOS PARA O DESENVOLVEMENTO DUN PROXECTO DE XESTIÓN E DIXITALIZACIÓN DE FONDOS E DOTACIÓN DE EQUIPAMENTO PARA ARQUIVO E MUSEO MUNICIPAIS", asinado o 13 de xullo de 2009.
Rematáronse os traballos de dixitalización a finais de 2009 e nos primeiros días de maio de 2010 xa estaba ese inxente caudal de información libre en internet. Hai que subliñar que se pediu á empresa que os usuarios poidesen buscar palabras nos documentos dixitalizados e así se fixo, de maneira que non soamente veremos a imaxe da publicación que se queira, senón que ademais leva aparellada un sistema OCR que permite recoñecer as palabras e, por conseguinte, buscalas.
En resume, despois de que xa estaba en internet toda a colección do ANUARIO BRIGANTINO, así como arredor de 30 libros na BIBLIOTECA VIRTUAL DE BETANZOS, nestes momentos (maio de 2010), o Concello de Betanzos é en Galicia un dos que maior volume de documentación histórica pon ó servizo dos cidadáns, a través de internet, coa maior liberdade posible.
Como se poderá ver, hai coleccións incompletas, polo que facemos un CHAMAMENTO a todo o mundo para que nos axude a completalas.

MOI AGRADECIDOS!

INICIO